venres, 6 de outubro de 2017

Boa viaxe Eva! 1ª mobilidade a Southampton

Eva Pousa, secretaria e profesora de inglés no colexio, viaxará o próximo 8 de outubro á cidade británica de Southampton para participar nun evento formativo dirixido a membros de equipos directivos de centros educativos de toda Europa. 



Ao longo de 8 días, Eva terá a oportunidade de visitar escolas de primaria, secundaria e formación profesional da cidade nas que observará clases reais para analizar a súa enfoque pedagógico e importar boas prácticas docentes. Ademais, entrevistarase con profesores de cada centro para intercambiar información sobre a realidade educativa e sociocultural en Reino Unido e no noso país e para sentar as bases de futuros proxectos de colaboración. 




O evento tamén inclúe entrevistas con inspectores de educación e asesores de formación do profesorado grazas ás que Eva poderá ampliar o seu coñecemento da xestión e a calidade nos centros educativos ingleses. Esta mobilidade xa está tendo un impacto moi positivo no centro xa que os alumnos de 1º da ESO, supervisados por Sara Perea, elaboraron un dossier en inglés con información útil sobre Southampton e entregáronllo a Eva para facilitar a súa estadía nos próximos días. Estes alumnos, e a comunidade escolar en xeral, beneficiaranse a moi curto prazo desta mobilidade xa que no mes de novembro están programados dous seminarios nos que Eva difundirá o aprendido no evento, os retos asumibles e tamén información acerca da cultura e tradicións desta cidade ao sur de Inglaterra que viu partir ao Titanic.

Boa viaxe Eva!






Ningún comentario:

Publicar un comentario